Festival Aturuxo 2025 – XIII Edición – Bravos, Ourol – 18 e 19 de xullo

Zeltia Irevire

Zeltia Irevire é unha banda galega que combina a sabedoría popular coa innovación musical, creando un estilo de autor único que bautizaron como Folk Tribal. Formada no ano 2019 en Santiago de Compostela, a agrupación mergúllase en xéneros como o folk e o blues, entre outros, conseguindo unha identidade sonora inconfundible.

A súa música destaca pola sólida integración de instrumentos acústicos, como o bodhran, a caixa de pimentón, o violín, a guitarra acústica e o bouzouki, que se mesturan de xeito harmonioso con sons electrónicos como o sintetizador de baixo e os pedais de efectos. As letras das súas cancións, impregnadas de sabedoría popular, reivindican a protección do patrimonio cultural e natural de Galicia.

Desde os seus comezos, Zeltia Irevire consolidouse como unha das grandes promesas da música galega. En 2019, presentáronse ao público co EP Directos na Ponte, e en 2023 lanzaron o seu primeiro LP titulado Vacaloura. Este ano sorpréndennos cun repertorio novidoso e profundamente marcado polo seu estilo persoal.

As integrantes da banda son:

  • Zeltia Acuña: voz e guitarra acústica.

  • Migui Carballido: coros, bouzouki, bodhran e percusións.

  • Cibrán Seixo: violín e sintetizador de baixo.

Zeltia Irevire continúa explorando os límites das Músicas do Mundo, ofrecendo ao público unha experiencia sonora única e envolvente.