Festival Aturuxo 2024 – XII Edición – Bravos, Ourol – 19 e 20 de xullo

Pakolas

Nome artístico de Francisco Manuel Cerdeira Castiñeiras, recoñecido músico, compositor, produtor e figura emblemática da música infantil galega. A súa traxectoria musical comezou como membro do grupo Mamá Cabra, e máis tarde, en 2014, creou a banda A Gramola Gominola, coa que lanzou varios traballos discográficos orientados ao público máis novo.

O seu debut en solitario chegou en 2017 co álbum “Pakolas”, publicado por Editorial Galaxia na súa colección Sonárbore. Este traballo foi seguido por “Ramona Órbita, a Dona do Tempo” en 2020 e “A Ramona Pequena vai á Lúa” en 2023, ambos tamén acompañados de libros ilustrados por Laura Romero.

Pakolas destaca pola súa capacidade de conectar coa rapazada a través da música, combinando letras educativas con melodías pegadizas. O seu estilo único e a súa dedicación á música infantil foron recoñecidos con varios premios, incluíndo o XIV Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña e sendo finalista varias veces no Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Infantil.

Os concertos de Pakolas son coñecidos pola súa enerxía e a súa capacidade de involucrar ao público de todas as idades, facendo dos seus espectáculos unha experiencia inesquecible para as familias! Non volo perdades!