Festival Aturuxo 2025 – XIII Edición – Bravos, Ourol – 18 e 19 de xullo

O Sonoro Maxín

O Sonoro Maxín é unha banda ourensá que presenta na súa xira o novo disco “A primavera ten que ser nosa”, composto por cinco temas que celebran o canto e o baile como formas de loita. A través dunha mestura de ritmos tropicais e populares, destacan as vivencias, amores, alegrías e penas acumuladas ao longo dos máis de 15 anos da súa carreira. A súa música fusiónase con letras afiadas e enerxía salvaxe, creando un ambiente único en cada concerto.

A banda naceu no verán de 2007 e conta con músicos procedentes de proxectos emblemáticos como Lamatumbá ou Mutenrohi. O Sonoro Maxín percorreu Galicia e compartiu escenarios con artistas como Manu Chao, Shantel ou Tonino Carotone, consolidando o seu estilo propio e apaixonante.